Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta aposta polo Plan de Investimento Conxuntos para avanzar cara unha Eurorrexión máis cohesionada en beneficio da cidadanía


― O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, dou conta hoxe no Parlamento galego das previsións do Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) 2021-2027 que permitirá avaliar os proxectos que se presentarán ao programa POCTEP

― O anterior PIC 2014-2020 serviu para que Galicia captase ata 163M€ en 85 proxectos, situando á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como a primeira área de cooperación en recepción de investimentos

― O novo PIC avoga por unha Eurorrexión máis competitiva e conectada que aposte pola innovación, a dixitalización, a internacionalización ou a creación de emprego de maior calidade

― Outros dos seus eixos establecen como prioridades na Eurorrexión traballar por unha transición enerxética xusta, enfrontar o reto demográfico e as ameazas á saúde

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para explicar as previsións do Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal 2021-2027, un documento estratéxico pioneiro que permitirá fortalecer a cooperación transfronteiriza e a cohesión entre as dúas rexións en beneficio da cidadanía. Xa foi aprobado no XII Plenario da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal en xullo de este ano en Salvaterra do Miño e en outubro polo Consello da Xunta.

O novo PIC é un documento estratéxico que permite avaliar os proxectos que se presentarán ao Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza INTERREG V-A España Portugal 2014-2020 (POCTEP). A Eurorrexión dispuxo doutro PIC no anterior período de programación 2014-2020, sendo a primeira vez na que dúas rexións europeas decidiron establecer conxuntamente as súas prioridades de investimento. O anterior PIC serviu para que Galicia conseguise captar ata 163 millóns de euros en 85 proxectos do POCTEP e situar á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como a primeira área de cooperación en recepción de investimentos deste programa.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE explicou que o PIC previsto para o período 2021-2027 ten en conta a situación xerada pola pandemia do coronavirus e o seu impacto nos anos seguintes, polo que un dos seus obxectivos será captar, alomenos unha cantidade de recursos proporcionalmente semellante ao período anterior, a través do fomento da capacidade de investigación conxunta da Eurorrexión para abordar a situación poscovid.

Na súa intervención enumerou as catro prioridades estratéxicas do Plan de Investimentos Conxuntos. Trátase de avanzar cara unha Eurorrexión máis competitiva e conectada que aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización como instrumentos para a creación de emprego de maior calidade; nunha comunidade transfronteiriza máis ecolóxica e descarbonizada para afrontar o cambio climático global e para unha transición enerxética xusta; nunha Eurorrexión máis social, integradora, resiliente e segura para enfrontar o reto demográfico e as ameazas á saúde pública e, en definitiva, nunha comunidade máis cohesionada en beneficio da cidadanía.

Jesús Gamallo tamén detallou os seis principios que definirán a política de cooperación da Eurorrexión nos próximos anos recollidos no PIC en base á realidade actual da Eurorrexión. Isto é, a consolidación da capacidade de resiliencia da Eurorrexión; a construción da confianza dos pobos e entre os pobos para reforzar a cooperación; a promoción dun piar eurorrexional de dereitos sociais para construír unha especie de zona franca social a ambos lados da “raia” no ámbito laboral, a formación ou os servizos públicos; o avance no proxecto de dixitalización con investimentos para combater a fenda dixital nas zonas rurais; o impulso decidido polas transicións enerxética e dixital que estamos a vivir e no carácter dinámico do propio documento, que deberá de ser avaliado no transcurso da súa vixencia.

Con estes seis principios que dan lugar aos catro eixos do novo PIC, preténdese traballar co novo documento en cinco obxectivos: acadar unha saída conxunta da crise da covid-19 a través da cooperación na Eurorrexión; garantir a cooperación de proximidade que xere confianza na poboación das zonas de fronteira; abordar a cooperación atendendo á suma de esforzos dos actores implicados das dúas rexións; fomentar a participación na cooperación da sociedade civil, sobre todo do tecido empresarial e do terceiro sector e contribuír a mitigar o desequilibrio territorial.

O documento, ademais, expón como desafíos a oportunidade que supón o cambio demográfico para unha sociedade cunha alta esperanza de vida nun contexto de transición dixital, enerxética e ambiental e o de dar un salto cualitativo na cooperación para ir máis alá dos fondos comunitarios e aproveitar todas as posibilidades e recursos dispoñibles.